lunes, 11 de febrero de 2013


O COMENZO INFINITO DE CHRISTIAN VILLAMIDE por Xavier Seoane

de Christian Villamide, el miércoles, 3 de noviembre de 2010 a la(s) 19:20


O COMENZO INFINITO DE CHRISTIAN VILLAMIDE
Xavier Seoane


Texto para el catalogo HUMEDADES en la Galeria Clerigos en 1992
I
Na obra de Christian Villamide hai una epifanía de xénese.
Tocado do misterio da materia, indágao cuha mirada por un orixinario deslumbramento.
Non é gratuito, pois, que a propia presencia de palabras surxa, decisiva, nos seus cadros, porque no inicio a palabra foi fundamento, creación, enigma, Verbo.
Tampouco é simple azar que palabras como “sonido, forma, gusto, olor, tacto” aparezan transcritas conceptualmente, pois a través dos sentidos é como a intelixencia e a sensibilidade do home conectan co mundo, entregándose a el en fusión cósmica e tensión perceptiva e de coñecemento.
II
Con razón, ao contemplar as súas obras, veñen á mente do espectador imaxes, pensamentos e sensacións nas que tanto pode receber un latexo presocrático como entregarse á suxestión misteriosa dunha pedra traballada por séculos e séculos de evolución natural.
Tocar a entraña rugosa, expresiva e enigmática da materia ou soñar a inmensidade do espacio ou a ilímite sensación da eternidade son tamén posibilidades que se abren a unha contemplación sensibilizada.
III
O polifónico repertorio de texturas logradas con técnicas mixtas en variadas realizacións expresivas e temáticas, concertan un ámbito no que se presinten as leis da natureza na súa misteriosa complexidade, a música do mundo, a gravitación dun sentimento “físico” do real.
Toda unha orografía do micro e o macrocosmos, un territorio Fósilmente imaxinario no que a mineralización se harmoniza coa luz en perpetua variabilidade, e no que o orden se defronta co caos.
Todo o Horizonte din subconsciente remoto, o alentar dunha memoria mineral, o soño dun pasado en retorno incesante.


IV
Villamide está fascinado polo cosmos, recebeu o impacto do chamamento nerudiano de “a las tierras sin nombres y sin números e, home do século XX, reintegroulle o bautismo iniciatico das palabras e o misterio dun numérico abraio.
Trouxo, así, ao corazón dunha cultura abstracta, urbana e mediática, moitas veces ensimesmada e perversamente alonxada do medio en que o home se ten desenvolto de seito secular, a testemuña mineral dunha pedra, o aleatorio grafismo dunha veta ou a fraxilidade dunha pluma de ave, para seguir fecundando a nosa sensibilidade coa presencia dun sentemento cosmogónico, xeolóxico e natural.
V
Nesta última etapa, o atista realizou unha drástica reducción de barroquismos, procurando unha maior pureza,unha mirada que fuxe do narrativo e potencia a esencialidade.
Unha clara vontade espiritual e contemplativa abrolla nesa actitude de perscrutación matérica e ontolóxica que guía actualmente a súa mirada.
Coa bagaxe artística de hoxe, e operando con diversos rexistros plásticos, segundo as necesidades do seu itinerario, o artista entrégase unhas veces aos fastos emocionais do expresionismo, e outras á emblemática contundencia de actitudes que producen do conceptual ou dun certo minimalismo.
Introducindo recursos como o colaxe cando a peza o require, resgatando pedras pola “iluminacion” poética que lle transmiten ou botando man do texto, das estructuras de variación serial, da fotografía… de todo canto concite, en definitiva, un “acontecemento” dentro da “maxia cotidiana” que preconizaba e que tanto parece atraer a Villamide.
VI
Dentro dese intento de chegar ás fontes do orixinario, tampouco deixa de adentrarse no territorio fecundado dos signos e dos símbolos.
A idea da fecundación como expresión do fértil. O sentido sacral da acotación. O simbolismo xerador da vulva e o sementador do volcán. A alegoría fertilizante e anagadora-renovadora, catártica-do diluvio. O círculo como totalidade e retorno. A cruz. A flecha. Ata esa demiúrxica letra “A” que, como un alfa, apunta todas as oberturas, todas as posibilidades creadoras e interpretativas do aberto ou do borgeanamente posible ou imposible.

VII
Christian Villamide procura situarse no eixo da conciencia do seu tempo porque non renuncia a estar tamén no tempo sen limites do retorno, que é tamén o do futuro, o do soño, o da memoria e o do infinito.
Se detrás da mirada hai sempre unha razón, nel entre outras, están a sede indagatoria, o soño de eternidade, a presencia do home.
Porque o coñecimento é, se cadra, a pedra primordial que o home procura, o enigmático alfa auroral, o omega proxectivo dos seus soños e mitos.
VIII
Por qué é o ente e non a nada, preguntábase Heidegger, defrontando cun xaque mate radical as nosas posibilidades reflexivas.
¿Por qué nos inquietan tanto, nun camiño, nunha praia, unhas pedras traballadas polo tempo e o azar? ¿Por qué nun gran de area, nunha folla, sentimos a razón e o pulo do cosmos e da vida?
IX
Co mesmo misterio con que, na caverna, pintaban os homes de antiguidade, gravaban na area certos povos primitivos ou insculpían na rocha os misterioros mentores dos petroglifos, Christian Villamide intenta crear unha cartografía de mensaxes e de achádegos que son como as pautas dun misterioso camiño.
Rescata, así, visións, soños, presencias dunha cósmica deriva. Perscruta na inmensidade. Cava na materia. Nada na eternidade. Bucea no límite.
X
No meu fin está o meu comenzo, dicía Eliot. Nun inicio incesante, efémero e eterno como a vida.
                                                                                       Xavier Seoane

No hay comentarios:

Publicar un comentario